Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com

Novas

Redescubrindo aos gaiteiros de Soutelo no Museo de Pontevedra

05 de xuño de 2024

O vindeiro xoves 27 de xuño ás 19:00h terei o pracer de impartir unha charla no Museo de Pontevedra titulada "Redescubrindo aos Gaiteiros de Soutelo". Como músico e investigador, estou moi emocionado de compartir con vós a historia e o legado dun dos cuartetos máis emblemáticos da música galega.

O principal obxectivo desta charla é redescubrir e poñer en valor a traxectoria dos Gaiteiros de Soutelo a través da recompilación e análise de diversa documentación. Durante a presentación, amosarei documentos orixinais, como revistas da época, que permitirán contextualizar o entorno histórico no que se desenvolveu o cuarteto. Ademais, tedes a oportunidade de ver discos de pizarra cos seus catálogos impresos, auténticas xoias sonoras que nos transportan ao pasado, así como algún dos punteiros utilizados polos gaiteiros, instrumentos que foron testemuñas do talento dos seus intérpretes.

Un dos puntos fortes da charla será a presentación dunha serie de fotografías inéditas e outros datos históricos recollidos con coidado e dedicación. Estes materiais, moitos deles descoñecidos ata agora, ofrecerán unha nova perspectiva sobre a historia do cuarteto e a súa importancia dentro da música galega. Prestaráse especial atención á figura de Avelino Cachafeiro, coñecido como o gaiteiro de Soutelo, cuxa paixón e talento deixaron unha pegada imborrable na música galega. Este ano celébrase o centenario do seu nomeamento como mellor gaiteiro de Galicia no concurso celebrado en Santiago de Compostela en 1924, unha efeméride que fai aínda máis relevante esta revisión histórica.

Quero destacar que esta charla é feita dende o máis profundo respecto e admiración tanto aos Gaiteiros de Soutelo coma á figura de Avelino Cachafeiro. É un verdadeiro honor para min poder compartir os seus logros e contribuír a preservar o seu legado.

Esta charla forma parte do meu proxecto "Músicas da Terra de Montes", unha iniciativa dedicada á investigación e estudo da rica actividade musical da comarca da Terra de Montes. A través deste proxecto, busco aprofundar no coñecemento e comprensión das raíces históricas e da evolución musical desta zona, incluíndo a biografía de Avelino Cachafeiro e a historia dos Gaiteiros de Soutelo.

Grazas ao Museo de Pontevedra e a Erea Castro por abrirme as portas para facer esta charla nas súas instalacións. Tamén quero expresar o meu sincero agradecemento á familia de Avelino Cachafeiro por todas as facilidades que me deron para poder levar a cabo as investigacións e o achegamento de material.

Agardo que esta exploración vos permita apreciar e valorar aínda máis o traballo realizado polos Gaiteiros de Soutelo e o seu legado musical e histórico. É unha oportunidade para recoñecer a relevancia cultural e patrimonial deste cuarteto, que segue a inspirar a novas xeracións de músicos e amantes da música tradicional galega.

Espero vervos alí!