Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com
www.rubentroitino.com
O pasado sábado 22 de agosto de 2026 tiven a inmensa honra de recibir a Medalla do Gaiteiro de Soutelo, un dos recoñecementos máis significativos que pode recibir unha persoa comprometida coa investigación, a conservación e a divulgación da nosa música tradicional.
Esta distinción foi entregada no marco da XLVII Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes, organizada polo Concello de Forcarei, coincidindo coa recuperación desta medalla, que volveron conceder despois de quince anos sen outorgarse. Na edición de 2026 as Medallas do Gaiteiro de Soutelo foron concedidas a título póstumo a Avelino Alberte Fírvida e Francisco Alberte Fírvida, e tamén a Xosé Manuel Rivas Troitiño e a min, Rubén Troitiño García.
Recibo este recoñecemento con enorme emoción, especialmente por estar vinculado á Festa do Gaiteiro, unha celebración que constitúe un dos grandes referentes da música tradicional galega e que, desde a súa primeira edición en 1980, rende homenaxe á figura inmortal de Avelino Cachafeiro, proclamado en 1924 como o mellor gaiteiro de Galicia e integrante dos históricos Gaiteiros de Soutelo.
Declarada Festa de Interese Turístico de Galicia no ano 2010, a Festa do Gaiteiro converteuse nun punto de encontro imprescindible para milleiros de persoas que cada ano se achegan a Soutelo de Montes para celebrar a música tradicional, a memoria colectiva e o patrimonio cultural galego.
Segundo foi expresado durante o acto, esta Medalla concédese como recoñecemento ao meu traballo de investigación, recuperación, documentación e divulgación da historia musical da Terra de Montes, dos Gaiteiros de Soutelo e da figura de Avelino Cachafeiro, desenvolvido especialmente a través do proxecto Músicas da Terra de Montes.
Durante anos fun reunindo documentación dispersa, fotografías, publicacións, gravacións, testemuños orais e numerosos materiais históricos co propósito de preservar unha parte esencial da nosa memoria musical e facela accesible a toda a sociedade. Ese labor cristalizou en centos de publicacións, artigos, exposicións, conferencias, colaboracións institucionais e na creación dun dos maiores arquivos dixitais dedicados á historia musical da comarca.
Sempre entendín este traballo como un servizo ao patrimonio cultural galego, realizado desde o rigor histórico e coa vontade de compartir o coñecemento, convencido de que a memoria colectiva só permanece viva cando é coñecida, estudada e difundida.
Esta Medalla ten para min un significado moi especial porque a miña vinculación coa Festa do Gaiteiro non nace agora.
Ao longo dos últimos anos tiven a fortuna de colaborar de maneira continuada co Concello de Forcarei, participando en diferentes iniciativas relacionadas coa conservación e posta en valor da historia da festa e da figura de Avelino Cachafeiro.
Entre outras colaboracións, participei como asesor nas edicións da Festa do Gaiteiro dos anos 2009, 2010, 2017, 2019, 2021, 2022, 2025 e 2026, asumindo ademais tarefas de coorganización nas edicións de 2025 e 2026.
Tamén colaborei nos actos organizados con motivo do 50 aniversario do pasamento de Avelino Cachafeiro (2022), na Ruada das Letras Galegas dedicada a Avelino Cachafeiro, na inauguración da escultura en homenaxe ao Gaiteiro de Soutelo, así como no IX Festival de Música Tradicional de Forcarei (2024), dedicado ao centenario da proclamación de Avelino como mellor gaiteiro de Galicia no histórico concurso celebrado en Santiago en 1924, no que exercín labores de asesoramento e presentación.
A implicación coa Festa do Gaiteiro foi sempre absolutamente desinteresada, guiada unicamente polo compromiso coa nosa cultura e coa defensa do patrimonio musical de Galicia. Ao longo destes anos procurei colaborar sempre desde o consenso, por riba de calquera cor política ou ideolóxica, porque considero que a cultura tradicional pertence a toda a sociedade e debe ser un espazo de unión e non de división.
A miña relación coa Festa do Gaiteiro tamén vén de atrás.
No ano 2021 tiven a honra de ser o pregoeiro da XLII Festa do Gaiteiro, un momento que gardo cun enorme cariño.
Anos antes tamén participara no Concurso de Gaita e Tambor "Avelino Cachafeiro", obtendo o 4º premio no ano 2007 e o 5º premio no ano 2008, experiencias que forman parte dos meus primeiros pasos dentro do mundo da música tradicional.
Todo iso fai que este recoñecemento adquira para min un valor aínda máis profundo.
Quero expresar o meu máis sincero agradecemento ao Concello de Forcarei por recuperar este recoñecemento e por considerar que o meu traballo é merecente dunha distinción tan especial.
Agradezo tamén a todas as persoas que, ao longo destes anos, colaboraron comigo compartindo documentos, fotografías, lembranzas, gravacións, publicacións e información que permitiron reconstruír parte da historia musical da Terra de Montes. Sen esa colaboración desinteresada, unha parte moi importante do proxecto Músicas da Terra de Montes nunca sería posible.
O meu agradecemento esténdese igualmente ás asociacións culturais, ás institucións, aos investigadores, aos músicos, ás familias dos gaiteiros e a todas as persoas que confiaron no meu traballo e contribuíron a conservar este patrimonio común.
Un recordo moi especial merece a miña familia, que sempre me apoiou nesta paixón que tantas horas de investigación, arquivo e divulgación require.
Finalmente, quero dedicar esta Medalla a todas aquelas persoas que, desde o anonimato, fixeron posible que a música tradicional galega chegase ata nós: gaiteiros, gaiteiras, tamborileiros, artesáns, informantes, investigadores, organizadores e veciños que mantiveron viva esta tradición xeración tras xeración.
Esta Medalla constitúe unha enorme honra, pero tamén unha responsabilidade. Anímame a seguir investigando, recuperando documentos, difundindo coñecemento e traballando para que a historia musical da Terra de Montes, dos Gaiteiros de Soutelo e de Avelino Cachafeiro continúe viva para as xeracións presentes e futuras.
Porque o patrimonio cultural só ten sentido cando se conserva, se comparte e se transmite. E ese seguirá sendo, como ata agora, o meu compromiso.
A edición deste ano desenvolveuse ao longo dunha intensa xornada de celebración.
A programación comezou coa Banda de Gaitas de Forcarei e continuou coa presentación da nova localización do mural dedicado a Avelino Cachafeiro e da réplica do chaleco de Castor Cachafeiro.
Posteriormente celebrouse o acto institucional na Praza dos Gaiteiros, que incluíu a benvida oficial, o pregón pronunciado por David Bellas, a entrega das Medallas do Gaiteiro de Soutelo e o peche institucional.
Durante o resto da xornada sucedéronse as actuacións da Asociación Cultural e Folclórica O Fiadeiro, os Charanghaitos, 7 Ferrados, a Asociación Cultural Sadeo e, como broche final, o concerto de Xabier Díaz & Adufeiras de Salitre, nunha festa que volveu reunir centos de músicos e milleiros de visitantes arredor da música tradicional galega.