Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com
www.rubentroitino.com
Alá polo mes de outubro puxéronse en contacto para propoñer algo moi especial: participar nun capítulo do programa Os Bolechas cantan ao Nadal, unha serie pensada para achegar á cativada galega a importancia da música tradicional, da tradición oral e, moi especialmente, dos cantares de Reis.
A proposta inicial do equipo do programa era gravar un dos capítulos na Terra de Montes, poñendo o foco nas Cantareiras de Barro de Arén, como exemplo dunha tradición moi arraigada no territorio. A partir desa primeira conversa tamén lles falei doutra realidade moi próxima e igualmente valiosa: os Reis que se cantaban en Bearíz, e puxen en contacto ao equipo coas persoas que conservan e transmiten esa memoria.
Finalmente, o capítulo recolle a tradición dos cantares de Reis a través das cantareiras de Bearíz, que achegan as súas voces, lembranzas e coñecementos sobre como se vivía e se cantaba esta celebración na comarca. O resultado é un achegamento sinxelo e respectuoso a unha parte fundamental do noso patrimonio inmaterial, adaptado ao formato infantil pero sen perder o vínculo coa tradición real.
Cando comecei co proxecto Músicas da Terra de Montes, nunca pensei no impacto que podería ter nin no interese crecente que esta terra está a espertar no ámbito musical e divulgativo. Ver como estas músicas, estes cantares e estes lugares chegan agora a un programa tan querido como Os Bolechas supón unha grande satisfacción e confirma a importancia de seguir documentando e compartindo este patrimonio.
O capítulo xa está dispoñible na web de xabarin.gal, onde pode verse e compartirse.
Agradecer especialmente a Rubén Porto, director artístico e un dos intérpretes dos Bolechas, pola sensibilidade, polo respecto á tradición e por contar comigo e coa Terra de Montes para formar parte deste proxecto.