Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com
www.rubentroitino.com
O pasado domingo, 12 de xaneiro, tiven o privilexio de participar no programa Morra o Conto da Televisión de Galicia, onde compartín escenario cun tema apaixonante: o vibrante duelo entre dúas pezas icónicas da nosa música tradicional, a Muiñeira de Chantada e A Rianxeira, para determinar cal representa mellor a Galicia.
Para iso, levei comigo unha auténtica xoia da nosa tradición musical: un disco orixinal da Muiñeira de Chantada, gravado por Avelino Cachafeiro a finais dos anos 20. Este disco é un testemuño vivo do noso patrimonio cultural e un símbolo da grandeza dos Gaiteiros de Soutelo.
O meu propósito neste programa, como en todas as miñas colaboracións e charlas, foi de carácter didáctico e divulgativo. É fundamental para min destacar a importancia de preservar e difundir temas fundamentais da nosa cultura, como a investigación sobre Avelino Cachafeiro, o legado dos Gaiteiros de Soutelo, e o proxecto Músicas da Terra de Montes. Estes traballos permiten non só manter viva a nosa tradición, senón tamén achegala a un público máis amplo e diverso.
A gravación tivo lugar no EcoHotel Nós, en Silleda, onde Alba Mancebo e David Vilares conduciron un encontro musical que explorou a historia destas pezas a través de conversas coa veciñanza, músicos apaixonados e expertos. Foi unha experiencia marabillosa formar parte deste proxecto que pon en valor a nosa riqueza cultural e musical.