Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com
www.rubentroitino.com
Recibo con enorme gratitude e emoción a noticia de que o Concello de Forcarei acordou concederme a Medalla do Gaiteiro de Soutelo 2026, unha distinción que recibo con fonda emoción e que considero un dos recoñecementos máis especiais da miña traxectoria.
Esta medalla representa un recoñecemento a un compromiso mantido ao longo dos anos coa conservación, investigación e divulgación do legado de Avelino Cachafeiro, dos Gaiteiros de Soutelo e, en xeral, da música tradicional da Terra de Montes. Tamén supón unha valoración da miña implicación na organización da Festa do Gaiteiro, un proxecto co que levo colaborando desde hai anos co convencemento de que manter viva a memoria do Gaiteiro de Soutelo é unha responsabilidade compartida.
Nesta edición, teño ademais a honra de compartir este recoñecemento con Avelino Alberte Fírvida e Francisco Alberte Fírvida, ambos a título póstumo, e con Xosé Manuel Rivas Troitiño, persoas que realizaron unha achega fundamental á conservación e difusión do legado do Gaiteiro de Soutelo e da nosa cultura tradicional.
Quero expresar o meu máis sincero agradecemento ao Concello de Forcarei por esta distinción. Ao longo destes anos procurei contribuír, desde diferentes ámbitos, a poñer en valor o patrimonio musical da Terra de Montes, convencido de que coñecer e divulgar a nosa historia é a mellor maneira de garantir que continúe viva para as futuras xeracións.
Este recoñecemento anímame a seguir traballando coa mesma ilusión e compromiso. Grazas tamén a todas as persoas que compartiron comigo documentación, músicas, fotografías, lembranzas e coñecementos, e a todas aquelas que fan posible, ano tras ano, que o legado do Gaiteiro de Soutelo continúe máis vivo ca nunca.
O meu agradecemento ao Concello de Forcarei e os meus parabéns aos demais medalleiros e ás súas familias. É unha inmensa honra formar parte desta edición da Medalla do Gaiteiro de Soutelo.
Avelino Alberte Fírvida e Francisco Alberte Fírvida, a título póstumo, Xosé Manuel Rivas Troitiño e Rubén Troitiño García serán recoñecidos na edición deste ano
David Raposeiras, entregando a medalla a Manuel Fraga en 2010. | FIRMA / Cedida
Lois Docampo | Forcarei
12 AGO 2026
O Concello de Forcarei celebrou onte un Pleno Extraordinario no que se abordou a recuperación da Medalla do Gaiteiro de Soutelo e a proposta de concesión das distincións correspondentes ao ano 2026, nunha iniciativa coa que o goberno municipal pretende recuperar un recoñecemento histórico ligado á música tradicional galega e á figura de Avelino Cachafeiro, O Gaiteiro de Soutelo.
Con motivo da recuperación da distinción, para a edición de 2026 propóñense catro persoas cuxas traxectorias están especialmente relacionadas coa figura do Gaiteiro de Soutelo e coa conservación do patrimonio musical da comarca. Avelino Alberte Fírvida recibirá a medalla a título póstumo polo seu papel na recuperación da tradición gaiteira en Soutelo de Montes e pola formación de novas xeracións de músicos, mentres que Francisco Alberte Fírvida, tamén a título póstumo, será recoñecido pola súa traxectoria musical e polo seu compromiso coa conservación da memoria de Avelino Cachafeiro, especialmente pola doazón ao Concello do mural Voando cas aas da vida.
A terceira medalla será para Xosé Manuel Rivas Troitiño, polo seu traballo pioneiro de investigación e divulgación sobre Avelino Cachafeiro e, en particular, pola publicación de O gaiteiro de Soutelo, unha expresión da cultura popular, considerada unha obra fundamental para coñecer a vida e a traxectoria do músico. Finalmente, Rubén Troitiño García será distinguido polo seu labor continuado na investigación, recuperación e divulgación da historia musical da Terra de Montes, así como polo proxecto Músicas da Terra de Montes e pola súa implicación na Festa do Gaiteiro de Soutelo.
Medallas con historia
A Medalla do Gaiteiro de Soutelo foi creada para distinguir persoas, colectivos e institucións que contribuíron de maneira destacada á difusión, promoción e posta en valor da música tradicional galega, especialmente no ámbito da gaita. A distinción concediuse en diferentes edicións entre os anos 2002 e 2011 e entre os seus recoñecidos figuran nomes como Wenceslao Cabezas del Toro “Polo”, Manuel Fraga, Antón Corral, Xosé Manuel Seivane, Milladoiro ou Carlos Núñez, así como diversas institucións e entidades vinculadas á cultura galega.
Tras varios anos sen concederse, o Concello considera necesario recuperar a medalla como un instrumento para recoñecer o traballo desenvolvido en ámbitos como a interpretación musical, a formación, a investigación, a conservación da memoria e a divulgación da cultura tradicional. A iniciativa pretende, ademais, reforzar o papel de Soutelo de Montes como referente da música tradicional galega e manter vivo o legado de Avelino Cachafeiro e a súa vinculación coa Terra de Montes.
A recuperación da Medalla do Gaiteiro de Soutelo supón desta maneira o inicio dunha nova etapa para unha distinción que o Concello de Forcarei quere consolidar como un referente dentro da cultura tradicional galega, recoñecendo o compromiso de persoas e entidades que contribúen a preservar e transmitir ás novas xeracións o legado de Avelino Cachafeiro e a riqueza do patrimonio musical da Terra de Montes.
O PSOE, a favor
O PSOE doy o voto favorable a esta proposta. "Estando o goberno socialista propuxemos e exerceron de pregoiros Xosé Manuel Rivas Troitiño e Rubén Troitiño García, polo que é unha maravilla que se recoñeza o traballo dos promotores da figura de Avelino Cachafeiro e aos sobriños falecidos Avelino e Francisco Alberte Fírvida", afirmou Verónica Pichel. "Facémolo porque entendemos que a concesión da Medalla do Gaiteiro de Soutelo 2026 é, ante todo, un acto de recoñecemento e de xustiza con persoas que contribuíron á nosa cultura, á nosa música e á defensa das nosas tradicións". "Queremos destacar especialmente o recoñecemento a Avelino Alberte Firvida e Francisco Alberte Firvida, a título póstumo, así como a Xosé Manuel Rivas Troitiño e Rubén Troitiño García, polos méritos que constan no expediente".
"Para nós é importante que este recoñecemento se faga e que se recupere a Medalla do Gaiteiro de Soutelo como unha distinción vinculada á nosa identidade cultural e á figura de Avelino Cachafeiro, o Gaiteiro de Soutelo, unha das figuras máis importantes da cultura musical do Concello de Forcarei e de Galicia". "E tamén queremos lembrar que esta recuperación non nace hoxe. Durante o mandato do goberno socialista, despois de que Belén Cachafeiro como alcaldesa suprimira no ano 2012 a Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes, xa se asumíu e traballou na recuperación desta distinción e na posta en valor da Festa do Gaiteiro, porque sempre consideramos que a cultura, a tradición e o patrimonio de Forcarei deben ser unha prioridade para calquera goberno municipal. Por iso, entendemos que hoxe non é momento de diferenzas políticas. É momento de recoñecer ás persoas que o merecen e de facer xustiza coa nosa historia".
BNG
Dende o BNG pola súa parte, seguen "apostando por que esta festa entre dentro do circuito de festivais de Galicia e solicitamos unha vez máis que se aposte por ela como dinamizador do vran en Soutelo, en todo o concello e como referente para que a banda de gaitas do concello de Forcarei poida ser a anfitriona dun gran festival". "Dada a deixadez vista na alcaldía, esiximos que este ano cando menos se leve a cabo unha festa con actuacións con renome no panorama musical tradicional galego e os músicos do noso concello mantendo unha festa que merece un mellor trato".