Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com

Novas

Avelino Cachafeiro gravado en pedra para sempre
29 de agosto de 2022

O Concello de Forcarei inaugura unha escultura en homenaxe ao Gaiteiro de Soutelo no ano no que se cumpren 50 anos do seu pasamento.

De pedra, con forma de libro aberto, e poñendo en valor a dimensión poética e musical do célebre Gaiteiro de Soutelo, cunha páxina na que aparece unha gaita en relevo e outra co título do seu libro ‘Voando cas aas da vida’, publicado en 1969 e que representa unha alegoría á natureza e á cultura popular da provincia. Así é a escultura que o Concello de Forcarei inaugurou hoxe na contorna da praza dos Gaiteiros para homenaxear a Avelino Cachafeiro, no ano no que se cumpre medio século do seu pasamento.

No acto de inauguración, que serviu de presentación da próxima edición da Festa do Gaiteiro, estiveron xunto á alcaldesa Verónica Pichel, a deputada provincial Noemí Outeda, o sobriño de Avelino Cachafeiro, Bautista Alberte; o presidente da Banda de Gaitas de Forcarei, Enrique Rey; o músico e investigador forcaricense Rubén Troitiño, Ermitas Dobarco, e vari@s concelleir@s da corporación forcaricense.

A creación desta escultura é unha das moitas accións que o Concello está a poñer en marcha neste 2022 para destacar a figura do autor da Muiñeira de Chantada ou da Alborada a Rosalía. A alcaldesa de Forcarei, Verónica Pichel, acadou a colaboración da Deputación de Pontevedra e da presidenta Carmela Silva para a creación desta peza escultórica a través da Escola de Canteiros da institución provincial.

O inauguración da escultura serviu tamén como presentación do programa da próxima Festa do Gaiteiro de Soutelo, que terá lugar o vindeiro 20 de agosto, un programa pensado para que as familias pasen o día nas rúas soutelanas celebrando a figura de Avelino Cachafeiro.

Ás 11.00 horas comezará o pasacalles polas rúas de Soutelo para dar paso á actuación da banda de gaitas Lembranzas da Terra de Guillarei de Tui (12.00 horas). A partir das 12.30 horas Anxo Angueira encargarase de dar o pregón da festa e a continuación realizarase una ofrenda floral acompañada do son do himno galego interpretado pola Banda de Gaitas de Forcarei, que ofrecerá un concerto ao rematar este acto. A sesión da mañá rematará cun xantar e unha ruada, ás 14.00 horas na carballeira do parque de Venezuela. Haberá mesas para merenda familiar e servizo de restauración con A Fuchela, con reserva previa.

Pola tarde continúan as actuacións musicais. Ás 16.00 horas Os Abrentes estarán na carballeira do parque de Venezuela, dando paso ás 17.00 horas a Picadiscos Marifaltri (unha actuación do Programa FalaRedes da Secretaría Xeral de Política Lingüística). E ás 20.30 horas, fin de festa co concerto do mítico grupo de música tradicional Abóbriga, na praza dos Gaiteiros.

O Concello impulsou unha comisión organizadora dos actos en homenaxe de Avelino Cachafeiro na que están presentes representantes municipais, Bautista Alberte, Francisco Cendón e Rubén Troitiño. O pasado mes de abril xa desenvolveu unha ofrenda floral con acompañamento musical no cemiterio de Soutelo de Montes e no mes de maio, aproveitando a Semana das Letras Galegas, celebrou a Ruada das Letras con numerosas actuacións musicais, un recital de poemas por parte de vari@s nenos e a interpretación de coplas e pezas do célebre gaiteiro.