Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com
www.rubentroitino.com
O venres 16 de maio, na véspera do Día das Letras Galegas, o Concello de Cerdedo-Cotobade rendeu unha emocionante homenaxe ás Pandeireteiras de Barro de Arén, nun acto celebrado no Centro Cultural de Cerdedo. Esta iniciativa enmárcase na decisión da Real Academia Galega de dedicar o Día das Letras Galegas deste ano á poesía oral e á música tradicional galega.
As protagonistas foron estas mulleres que, durante décadas, transmitiron xeración tras xeración as cantigas e os ritmos propios da tradición galega. Como recoñecemento ao seu legado, o Concello fixo entrega dun ramo de flores ás súas familias e tamén a dúas das pandeireteiras que estiveron presentes: Maricarmen e Pura, que recibiron con emoción esta mostra de gratitude pública.
O acto estivo conducido por Rubén Troitiño, axudando a poñer en valor a historia e o significado das Pandeireteiras de Barro de Arén no contexto da cultura galega.
Durante a homenaxe proxectouse un vídeo con imaxes e testemuños sobre as pandeireteiras, que permitiu afondar no seu papel como gardiás da tradición oral e musical da zona.
A xornada estivo acompañada pola música dos grupos folclóricos locais, que encheron o espazo de vida e identidade cultural:
Os Trazantes de Tenorio
Os Afoutes do Canón de Pau
Os Abrentes de Cerdedo
As Pandeireteiras do Val de Quireza
Foula
Todos eles recibiron un diploma de agradecemento por parte do Concello, recoñecendo o seu labor de continuidade da tradición.
No seu discurso, o alcalde Jorge Cubela destacou “o gran mérito destas mulleres por manter vivo o noso patrimonio inmaterial” e sinalou a importancia de recoñecer e poñer en valor a música popular galega como parte esencial da identidade do país.