Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com
www.rubentroitino.com
O Arquivo das Músicas da Terra de Montes, impulsado polo músico forcaricense Rubén Troitiño, cumprirá no 2026 cinco anos como un proxecto vivo, aberto e feito coa xente, que busca conservar o patrimonio musical da comarca.
Rubén Troitiño, nas Xornadas XIX: Traducir a Tradición, falou sobre a música de tradición oral.
Samuel Pernas
Forcarei15 OCT 2025 6:01
O Arquivo das Músicas da Terra de Montes, creado polo músico forcaricense Rubén Troitiño durante a pandemia, cumprirá en 2026 un lustro de vida. O que comezou como unha iniciativa persoal para ordenar vellas gravacións transformouse nun proxecto de referencia na comarca, cunha páxina web que se atopa nestes momentos a piques de superar a barreira das 60.000 visualizacións e que esperta interese en toda Galicia, Europa e incluso América.«Todo naceu durante a pandemia», recorda Troitiño. «Tiña moito material recollido ao longo dos anos, e pensara en facer un libro, pero decateime de que sempre seguían aparecendo cousas novas. Un libro queda pechado, e eu quería algo vivo, que puidese medrar e actualizarse», sinala. Así foi como naceu a plataforma dixital Músicas da Terra de Montes, un arquivo en constante construción, alimentado polas achegas de veciños, músicos e familias.
O arquivo, explica o seu creador, «non é só un repositorio de cousas antigas, senón un espazo de memoria compartida». Nel hai instrumentos, fotografías, cintas domésticas, programas de festas e partituras manuscritas, cada unha delas con historia propia. Como el mesmo indica, as visualizacións «non importan polos números, senón porque significan olladas que se detiveron a mirar o noso patrimonio». Troitiño cre que «hai moita xente de aquí e da emigración que se emociona vendo unha foto dunha banda da súa parroquia ou recoñecendo un instrumento que lembran da infancia, como o que tocaba o seu avó. Iso é o que dá sentido a todo isto».
O proxecto, que xa conta con seguidores en América e Europa, converteuse tamén nun recurso de interese para investigadores de etnografía e etnomusicoloxía que buscan «coñecer mellor a nosa tradición musical a través de imaxes da comarca», comenta.
A parte máis complexa ca que se está a atopar nesta labor non é catalogar nin restaurar, senón chegar ás persoas. «Hai moita xente da comarca que aínda non sabe que este arquivo existe. A veces vou a un lugar e teño que explicar todo o proxecto desde cero, porque desconfían ou non entenden para que é. Cando lles explicas que non se trata de quitarlles nada, senón de conservar e compartir, entón xa empezan a confiar en min», di Troitiño.
Sen embargo, non sempre hai final feliz. «Dá moita pena cando o material se perde», confesa. «Hai quen non quere ceder fotografías ou instrumentos, e cando morre esa persoa, todo desaparece: a casa véndese, os obxectos tíranse... e con iso pérdese parte da nosa historia», lamenta. Tamén sucede o caso contrario, de familias que lle ceden o material porque saben que o vai coidar moi ben.
Troitiño fala do arquivo como «un proxecto vivo e en construción constante», pero tamén ten un soño maior: crear un museo físico das Músicas da Terra de Montes. «Non quero un museo pechado nin un almacén de trastos, senón un espazo vivo, aberto, onde se poidan facer obradoiros, visitas escolares e encontros interxeracionais. O importante é que sexa un lugar de dinamización cultural, onde alguén maior poida dicir eu toquei aí, e alguén novo responda eu tamén quero aprender», comenta con emoción. O emplazamento, di, «podería estar en calquera dos concellos da comarca», pois o que lle importa é que sexa un proxecto compartido, «feito coa xente e para a xente».