Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com
www.rubentroitino.com
Coro de Cámara Rías Baixas: O próximo día 18 de novembro presentamos na Casa da Cultura de Monforte de Lemos un proxecto moi especial para nós, e que fora retrasado máis de dous anos por mor da pandemia.
Xunto co ensemble Caspervek e ás ordes de Brais González, formaremos parte da banda sonora da película muda "A Paixón de Xoana de Arco", de Carl Theodor Dreyer, un filme de 1928 que marcou un antes e un despois na historia do cinema.
A banda sonora foi composta e arranxada ex-profeso polo propio Brais á medida do filme. Para nós, que formamos parte na súa estrea no ano 2019, significa retomar unha colaboración moi importante dentro das nosas actividades.
Naceu en xaneiro de 1412 en Domrémy, no seo dunha familia campesiña acomodada. Viviu nun período da guerra dos 100 anos que enfrontaba a Francia (Carlos VII – herdeiro ao trono-) e Inglaterra (Enrique VI) polo trono de Francia. En 1429, Xoana de Arco, baixo ordes divinas, dirixiu un exército de máis de cinco mil homes, que lle confiou o herdeiro francés, conquerindo a vitoria en Orleans. Este feito permitiu que Carlos VII fose coroado de maneira simbólica como rei de Francia en Reims. En Compiègne, o 24 de maio de 1430, foi capturada polo duque de Borgoña. Tempo despois foi vendida ao exército inglés e levada ata Ruán (capital das posesións inglesas en Francia) ante un tribunal eclesiástico, (Lord Warwick, o gobernador da cidade, escolleu aos xurados entre os aliados do Rey de Inglaterra) que a condena a morrer na fogueira, sendo executada o 30 de maio de 1431 na praza de Ruán, aos 19 anos.
En 1909 foi beatificada e canonizada en 1920, converténdose na patroa de Francia e no símbolo da unidade nacional.
É unha película muda de 1928 (considerada a segunda mellor película francesa de todos os tempos) do director e guionista danés Carl Theodor Dreyer, protagonizada por Maria Falconetti. Conta o procesamento e execución da heroína francesa pola Inquisición. Baséase na documentación auténtica do seu xuízo.
É destacada como un fito do cinema, sobre todo pola súa producción, a dirección de Dreyer e a actuación de Falconetti, que foi descrita como unha das mellores da historia do cinema.
Trátase dunha misa de defuntos, o que nos leva a deducir o triste final, repartindo a carga emotiva ao longo de toda a obra.
Composta por Brais González, para piano, ensemble e coro mixto. O autor tocará o piano e dirixirá o Ensemble Caspervek (conxunto no que se inclúen instrumentos de corda, vento e percusión, ademais do xa citado piano). O Coro de Cámara Rias Baixas, que dirixe Bruno Díaz, será o encargado de poñer as voces a esta gran obra.
Nacido en Vigo en 1987, inicia os seus estudos de piano na súa cidade natal, os continua na Universidade Mozarteum de Salzburgo (Austria) e os completa nos Consevatorios superiores de Vigo e Oviedo.
A súa carreira sempre estivo dividida entre a interpretación clásica e unha apaixonante viaxe como compositor e creador sonoro que sempre busca unir diferentes universos estilísticos, desde a música contemporánea ata a música folk, indie ou de cinema.
Como compositor, as súas obras sinfónicas foron interpretadas por diferentes orquestras españolas e portuguesas e dirixidas por destacados mestres. As súas obras de cámara foron interpretadas en diversos países de Europa e América. Ademais, é o director artístico e principal compositor de Caspervek Ensemble, grupo dedicado á música en directo do cinema mudo, co que actuou en máis dunha ducia de países europeos, sendo a súa última xira, no pasado mes de setembro, por Alemaña e Dinamarca. En agosto deste ano estrea no Festival delle Nazioni de Città dei Castello (Perugia - Italia), por encargo do propio Festival, a súa primeira ópera: "Loba Branca", da que tamen é autor do libreto baseado nunha lenda de O Courel.
O Coro de Cámara Rías Baixas é unha formación non profesional que persegue a excelencia musical. Dende a súa presentación en 2014 leva realizado un centenar de concertos de carón. É un grupo xa consolidado no sur de Galicia. O coro interpretou obras fundamentais do repertorio coral acompañado das principais orquestras da comunidade. Ademais, tamén organiza regularmente concertos de produción propia que difunden obras de compositores galegos e permiten a proxección de novos solistas. Desde 2017 colabora con Amigos da Ópera de Vigo e coa Orquestra Sinfónica Vigo 430 na súa programación anual. Por outra banda, tamén interpreta música a capella nos concertos organizados pola federación coral ACOPOVI. O equipo artístico do Coro de Cámara Rías Baixas está formado pola profesora de canto Magna Ferreira, o pianista acompañante Brais González e o director Bruno Díaz.