Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com
www.rubentroitino.com
Estamos en maio, o mes das Letras, o mes no que Galicia enteira se volve cara si mesma para celebrar a súa lingua, a súa literatura, a súa cultura. Este ano 2025, a Real Academia Galega dá un paso decisivo na posta en valor da nosa identidade colectiva ao dedicar o Día das Letras Galegas á poesía popular oral. É un recoñecemento merecido e necesario a unha forma de expresión que nace do pobo e que, durante xeracións, foi gardada e transmitida sobre todo polas mulleres: as nosas cantareiras.
Na Terra de Montes, esta tradición non é cousa do pasado. É memoria viva. É música que segue soando nas voces das máis vellas, nas mans que aínda saben facer bater a pandeireta, nos ecos das festas de antes, nas ruadas, nas celebracións populares que facían comunidade. A cultura oral aquí non foi só un divertimento: foi, e segue sendo, un xeito de estar no mundo, de falar a lingua que herdamos, de compartir ledicias e penas, de marcar os ritmos da vida ao compás da palabra cantada.
Por todo iso, desde o proxecto Músicas da Terra de Montes facemos un chamamento aberto a todas as veciñas e veciños da comarca para colaborar na recollida, documentación e difusión deste legado cultural inmaterial que é de todas e todos. Este é un ano especial, e é o momento de poñer en valor a nosa contribución á cultura galega dende este recuncho que tanto leva dado á historia musical.
Aínda que non publicamos libros físicos, escollemos o formato dixital como ferramenta principal porque permite unha maior accesibilidade, unha actualización constante e unha participación directa da comunidade. A través da web de Músicas da Terra de Montes —www.musicasdaterrademontes.com— calquera persoa pode acceder aos contidos desde calquera lugar do mundo, en calquera momento. O dixital permítenos gardar audio, vídeo, imaxes e testemuños orais dun xeito máis fiel á natureza desta tradición, que é esencialmente oral e viva.
ste formato facilita tamén que os contidos poidan medrar co tempo, acollendo novas achegas, actualizacións e testemuños que vaian chegando. É unha ferramenta dinámica, aberta, participativa, que dialoga co presente e non queda ancorada nun formato pechado e fixo. E sobre todo, permite que calquera persoa poida acceder e recoñecerse nesta parte da nosa identidade común.
Se coñeces a algunha muller que participase en ruadas, se gardas lembranzas dunha avoa, nai ou veciña que cantaba ou tocaba a pandeireta, se conservas fotografías, cintas de casete, vídeos ou calquera recordo relacionado con esta tradición, convidámoste a compartilo co proxecto. Mesmo se só tes unha historia para contar, é valiosa. Podes poñerte en contacto directamente a través da web, onde atoparás un formulario para achegar información ou solicitar unha entrevista.
Porque o que non se nomea pérdese. Porque estas mulleres, moitas veces invisibles nos libros de historia, foron e son as portadoras dunha sabedoría profunda, dunha arte que nace do cotián, que emociona e que nos conecta cunha forma de vivir e de falar única. Porque honrar a súa memoria é tamén recoñecer o valor do galego como lingua de creación, emoción e resistencia.