Ruben Troitiño
www.rubentroitino.com

Familia de músicos

Rubén Troitiño ten as súas raíces na comarca de Terra de Montes, máis concretamente nos concellos de Cerdedo e Forcarei. Neste apartado farase un pequeno percorrído polos seus antecesores directos que nas súas facetas da vida foron, entre outras profesións, músicos.

Antigo concello de Cerdedo

Concello de Forcarei

Ramón José Lavandeira Limeres

Ramón José Lavandeira Limeres naceu no lugar da Revolta (Cerdedo) no mediodía do 1 de marzo de 1859 e finou o 11 de Marzo de 1932.

Consérvase na actualidade dous instrumentos del, unha gaita e un clarinete.

Clarinete

A gaita foi feita polo artesán García de Riobó, do lugar da Estrada. Feita en madeira de buxo e cunha afinación aproximada de Si bemol de toque pechado, unha das características máis destacables desta gaita é que as copas do punteiro e do ronco son de rosca como se pode apreciar nas fotografías.

A sona deste home coma músico e coma mestre de músicos xa fora destacada hai anos por Rodríguez Fraíz. O historiador refírse e a el empregando o segundo apelido de Durán dun xeito trabucado:

Labandeira Durán, Ramón. Músico e director de banda de música, nado no rueiro de Cabenca (Cerdedo) sobor do 1875. Home de fondo sentido artístico, dende rapaz tocou doadamente a gaita; fixo o servicio militar pola mariña en Ferrol, no reximento asisteu a escola de música acadando un posto na banda do Departamento, na que tocou algúns anos. En Cerdedo fundou e dirixeu unha academia e banda de música na que adeprenderon case que todos os rapaces e homes da bisbarra a tocar algún estrumento musical e ser membros da banda máis desexada da comarca, decote en loita artística coa dirixida polo mestre Francisco Cerdeira. Foron discípulos predileitos e sucesores na academia Manoel García e Xosé Bento García, que as dirixiron a falta do mestre. Academia e banda de música foron apagadas polo feixismo trunfante no 1936.

Como xa dixemos, o mestre de Cavenca nacera no 1859, e non no 1875, como escribía erroneamente Rodríguez Fraíz. Ramón era, polo tanto, dezaseis anos máis vello do que sinalaba o historiador. Tamén apunta o historiador que Lavandeira foi mestre de Manuel García e de Xosé Benito García. Como xa referimos nos respectivos capítulos adicados a estes dous futuros directores da Banda de Cerdedo, non desbotamos a posibilidade de que aprenderan música en Cavenca. Pero sabemos que Xosé Benito xa aprendera música dende rapaz animado polo seu pai e que García asistira antes a academia de Constantino Paz.

En canto ao apelido Durán, correspóndese en realidade ao da súa muller e polo tanto, ao segundo apelido dos seus fillos. Convén resaltar tamén que, a diferenza da grafía utilizada por Rodríguez Fraíz, o apelido dos Lavandeira de Cerdedo sempre aparece escrito con “v”, agás nalgunha páxina do Arquivo Parroquial de Cerdedo, na que aparece escrito con b (como no caso do bautizo dunha filla de Ramón, Dosinda, no 1889). Este apelido chegou a Cerdedo procedente de Vimianzo. Ramón era fillo de Xoán Lavandeira Moreira, orixinario de S. Miguel de Treos, parroquia da zona Este do Concello de Vimianzo, xa moi preto de Zas (no Arquivo Parroquial de Cerdedo figura que esta parroquia pertence a Corcubión). Xoán Lavandeira casou na Revolta de Cerdedo con Xosefa Limeres. Semella que o apelido Lavandeira desta familia está relacionado coa lugar de orixe, neste caso a aldea de Lavandeira, no mesmo Concello de Vimianzo, á que se chega collendo un desvío á esquerda na estrada que une Vimianzo con Dumbría. Outras posibles orixes deste apelido poden consultarse na escolma de materiais “Cerdedo” do escritor Carlos Solla.

Dende mozo, Ramón aprendeu música con Campio García, a carón doutros contemporáneos seus, coma Constantino Paz (1858), Andrés “de Isidro” (1860) ou Xosé Durán (1861). Tamén comezou a tocar a gaita sendo novo. Non puidemos saber quen foi o seu mestre: tal vez Manuel Paz ou “Cerdeira O Vello”. Pero daquela había outros moitos gaiteiros na bisbarra. Ramón chegou a ser un excelente gaiteiro. Segundo nos contou o músico Benito García:

O Sr. Lavandeira tivo moita sona coma gaiteiro no seu tempo. E foi para África. No barco que el andaba había banda, na mili aquela eran tres anos, e aprendeu a música. E cando veu foille aprendendo ós fillos e á xente.

Como tamén relataba Rodríguez Fraíz, Lavandeira fixo o servizo militar pola mariña en Ferrol. A pesares do que nos contou Benito, sabemos que Ramón xa tiña coñecementos de música cando ingresou no exército, pero foi alí onde acadou unha formación musical moi completa, ocupando un posto na Banda de Música do Departamento. Aínda que executaba con mestría varios instrumentos, adicouse principalmente ao clarinete. No documento reproducido na páxina seguinte, consta que no 1891 Ramón formaba parte da tripulación do afamado Acorazado Pelayo, onde exercía de músico militar. O Acorazado Pelayo foi un dos grandes buques da historia da Armada Española. Foi o único acorazado español do século XIX polo que era coñecido coma “O Solitario”, sendo o navío máis potente da Armada durante moitos anos. Na época que Ramón Lavandeira estaba enrolado neste barco, participou de xeito activo nas operacións navais de Marrocos para conter a rebelión do Rif no 1893. Lembremos que na biografía do tamén músico D. Fernando García Leiro, o historiador Fraíz chamaba a Lavandeira “veterano de todas las contiendas coloniales”.

Algúns anos despois, Ramón se enrolaría tamén coma músico noutro famoso navío, o cruceiro Reina Regente. O día 10 de marzo de 1895, no medio dunha unha fortísima tormenta, o barco afundía durante a travesía entre Tánxer e Cádiz. A traxedia aparece detallada por numerosos historiadores. José María Blanca Carlier fai a seguinte descrición da dotación do barco:

La dotación del «Regente» era de 372 hombres, pero en el momento de su desaparición llevaba 412, como ya hemos dicho. Su comandante ‐el quinto que había tenido‐ era el capitán de navío don Francisco Sanz de Andino Martí y segundo comandante, el capitán de fragata don Francisco Pérez Cuadrado. Contaba con 4 tenientes de navío, 4 alféreces de navío, 1 teniente de Infantería de Marina, 2 oficiales de Máquinas, 2 médicos, 1 habilitado‐contador, 1 capellán, 5 guardiamarinas, 7 contramaestres, 6 condestables (auxiliares de Artillería), 2 sargentos de Infantería de Marina, 4 cabos primeros, 3 cabos segundos, 2 cornetas, 34 soldados, todos del mismo cuerpo, y 330 marineros entre los que contaban varios aprendices artilleros. Dos marineros que perdieron el buque en Tánger y que quedaron en puerto temiendo un seguro arresto, fueron los únicos que salvaron la vida.

Esta mesma historia dos dous mariñeiros salvados case que de milagre aparece tamén na descrición dos feitos exposta por Luís Molla Ayuso:

En la mañana del día siguiente el práctico se presentó a bordo con idea de enmendar el fondeadero, pero por lo penoso de la faena se desestimó finalmente la maniobra. La embajada mora desembarcó en un remolcador del puerto corriendo grave peligro, pues para entonces el viento refrescaba ya del SW y la mar de poniente barría con fuerza las cubiertas del buque. Algún desembarco más, sin embargo, debió de producirse, pues no se entiende si no el hecho de que solo dos marineros sobrevivieran a la tragedia y precisamente por haber perdido el barco en Tánger. Parece más lógico pensar que debido al fuerte temporal no pudieran reembarcar después de haber bajado a tierra por alguna razón. El caso fue que, efectivamente, estos dos marineros fueron los únicos miembros de la dotación que conservaron la vida. Ambos continuaron prestando servicio, uno como repostero de guardiamarinas en el otro Regente y el segundo como panadero a bordo del Alfonso XIII.

Aínda que non chegamos a confirmar a identidade dos mariñeiros salvados da catástrofe do Reina Regente, parécenos probable que Ramón Lavandeira fose un deles, xa que, curiosamente, daquela se contaba en Cerdedo a historia de que Ramón fora un dos dous únicos sobrevivintes do naufraxio do barco no que andaba posto que, ao parecer, quedaran en terra tras unha longa noite de festa. O músico Pepe Iglesias, neto de Ramón, lembraba o episodio deste xeito:

O barco no que andaba Ramón afundiuse, e foi cando morreron os compañeiros todos. E salváronse dous que eran eles, o avó e máis outro. Foran de parranda e cando chegaran a porto, xa arrancara o barco. Perdérono e aquela noite afundiu. Non sei ben o que lle pasou, degradárono ou expulsárono da Mariña. Eu tiña oído iso pero non sei moi ben como foi exactamente.

Ao retirarse ao fin da vida militar, Ramón regresou a Cerdedo a comezos do século XX. Estableceuse en Cavenca coma mestre, coma se dicía naquel entonces, de “ensino e maxisterio”. Ademais, tamén impartía clases de música. Os comezos foron difíciles, pero co tempo chegou a ter máis de 40 alumnos. Axudoulle o feito de que o mestre nacional que había naquel entonces en Cerdedo era moi amigo de mallar na rapazada. D. Antonino, que así se chamaba o docente, era orixinario de Carballedo. E colleu fama ben fundada de zoscarlle moito aos rapaces e de non sacalos adiante. Pero foi dunha vez que lle propinou unha malleira a un neno que lle chamaban Pepe, fillo de Constantino de Evaristo de Cerdedo, cando a cousa fóiselle das mans. Pepiño era un rapaz dos maiores, dos que máis se aplicaban na escola. Non era mal alumno, e de feito chegou a médico, algo que daquela era aínda máis complicado ca hoxe en día. Pero un día volveu da escola coa cara marcada polas correas que tiñan para as bestas. Segundo lembraba o músico centenario Xervasio Bugallo, que viviu en persoa aquel episodio: “A xente horrorizouse daquela brutalidade e os poucos días moitos pais comezaron a cambiar aos nenos para a escola de Cavenca. Eu e mailo meu irmán Severino fomos os primeiros que saímos para Cavenca. E canda nós foron os outros.”

Así, a escola foise enchendo de alumnos e Ramón Lavandeira foi gañando fama de mestre bo e paciente. Seguindo co que nos contaba Xervasio Bugallo:

Os rapaces viñan de Barro, de Arén, de Abelaíndo, de Viduido, de Lourido, de Chamadoira, de Pedre, de Cavenca, da Revolta, de Cernados. De Cernados viña Canabal, non máis. Pero de Barro de Arén viñeran todos. De Abelaíndo, todos tamén. Da Cavadosa tamén había algún. Eu e máis meu irmán Severino pagabamos 6 reais cada mes, e estaban ben pagados. Pode dicirse que o Sr. Lavandeira sacou adiante o 100 por 100 dos chavales. Todos sabían ler e escribir. O Sr. Ramón era moi intelixente, moi disposto e ademais tiña moitas letras, era moi culto. A min me ensinou moito.

Algo semellante nos contou outro músico case centenario, Antonio Varela:

Á escola de Ramón viñan os rapaces de todos lados, porque era un bo mestre e os mestres do Estado que había daquela non valían nada. Só se preparaban dous anos. O Sr. Valiñas aprendeu alí con el tamén. Non lle daba importancia o de escribir con h ou se tiña que ser b ou v. Pero ó que lle daba moita importancia era a que a letra tiña que ser moi igualadiña. Entonces, facía dúas liñas e non podían saír delas. A Valiñas, só polo xeito de escribir xa se sabe que foi a escola dalí.

Na súa escola, Ramón tamén lle aprendía música aos rapaces, polo que moitos deles, que xa ían a academia en Cerdedo, completaron a súa formación musical en Cavenca. Aínda así, moitos deles seguían tocando na banda de Cerdedo, coma foi o caso do propio Xervasio Bugallo. Co tempo, Lavandeira foi formando a súa propia banda de música. E sacou adiante a moitos músicos porque, ademais de bo ensinante, non cobraba nada polas clases de música. Coma el dicía:

Despois xa se verá coma xuntar cartos para mercar os instrumentos.

Cóntase do O Sr. Lavandeira que cando ían tocar por aí, o pan de trigo que sobraba da comida metíao nunha saqueta e dáballo aos rapaces para que lle cargaran con el no camiño de volta. Ao chegar, quitáballo e levábao el para almorzar toda a semana. Pero dunha vez que viñan de tocar de cara de máis alá de Folgoso, os músicos fóronlle comendo o pan mentres viñan andando. Cando chegaron a Cerdedo non quedaba nin unha codia, e Lavandeira comezou a berrar contra os rapaces deste xeito:

Onde está o pan, marruecos?

Ramón Lavandeira foi, por riba de todo, unha excelente persoa, segundo a xente que o coñeceu. Pero iso non evitou que moitos músicos doutras bandas da provincia tivesen certa envexa e mesmo se incomodaran con el nalgunha ocasión. Ramón tiña unha ampla formación musical e un oído excepcional. Ás veces acudía a Pontevedra a ver algunha banda e chegaba a chamarlle a atención a músicos considerados tamén moi bos:

E logo ti como deches esa nota tan discordante?

Destacar tamén que Ramón ocupou o posto de Secretario no Xulgado de Paz de Cerdedo dende o 1 de decembro de 1906 ata o 31 de xaneiro de 1910. Previamente exercera de porteiro no Concello, dando recados avisos e outras tarefas acordes co posto.

Como xa adiantamos, no 1922 sufriu un ataque de apoplexía que o deixou incapacitado para a música. Nas verbas de Xervasio Bugallo:

No ano 22 doulle un ataque e quedou paralizado. Por iso deixou de tocar. Eu respeteino ata cando xa case non se valía nada, que andaba cun bastonciño que lle dera un ataque. Aquelo baldouno de todo.

Na obra “As Bandas de Música de Galicia”, o escritor Enrique Alvarellos inclúe o seguinte texto en relación coa Banda de Cavenca:

Cavenca (1922‐1933): Desde Cerdedo, se divisa perfectamente la parroquia de Cavenca, no más distante de dos kilómetros. Allí fundó su banda, en 1922, Ramón Lavandeira, y con él desaparecion diez años más tarde, en 1933, después de haber luchado en vano por hacerle la competencia a la de Cerdedo. Lavandeira había sido músico de Infanería de Marina. Formó a unos cuantos músicos que llegaron a tocar bastante afinados, pero sin salirse de las parroquias inmediatas. Un buen día se convenció de que en el arte no tenía un gran futuro, y abandonó todo, y no hubo más banda en Cavenca.

Ramón estivo casado con Constanza Durán, de Caroi (Cotobade), curmá do músico Xosé María Durán. Ramón e Xosé sempre se levaron moi ben. Segundo nos contou o neto de Xosé, Xulio Durán:

O Sr. Lavandeira casara cunha prima do meu avó, Constanza, que era de Caroi e veu con el para Cavenca. E viñan moito pola casa, meu avó foi compadre de Ramón mentres puido cos pantalóns.

O mestre Ramón, que segundo foi pasando o tempo comezou a ser coñecido en Cerdedo polo alcume de “Lavandeira O Vello” finou o 11 de Marzo de 1932. Un día de loito para a música da Terra de Montes.

*Texto: As bandas de música de Cerdedo (Autor: Manuel Campos Toimil)

Liña de sucesión

Ramón J. Lavandeira > María Lavandeira > Pura Lavandeira > Jose Luis Troitiño > Rubén Troitiño

José María Lavandeira Durán

José María Lavandeira Durán, naceu en Cabenca o 18 de xaneiro de 1898 e finou en Pontevedra o 19 de marzo de 1981, fillo de Ramón José Lavandeira Limeres. Aprendeu a tocar o baixo có seu pai tocando coa banda de Cabenca. Ademáis, tamén tocou a gaita, chegando a ter dúas (unha do seu pai) e outra da cal non se conserva peza ningunha. No ano 1925 casaría con María Fortes Sueiro, de Limeres, onde quedaría a vivir.

Lavandeira Durán formaría parte tamén da Banda de Música de Cerdedo e finalmente deixaría a música na banda "La Unión", dirixida polo seu irmán, con quen tocou ata que emigrou ao Brasil. Aínda que non se adicou a música, naquel país non a deixou por completo, e aprendeu a tocar o fliscorno. Cando volveu a Galicia trouxo consigo un fliscorno de cor prateada (menos frecuente naquela época).

José María Lavandeira Durán
Fotografía cedida pola familia.

María Fortes Sueiro e José María Lavandeira Durán
Fotografía cedida pola familia.

Banda de Música "La Unión" de Cerdedo dirixida por Gerardo Lavandeira
Fotografía do libro "As bandas de música de Cerdedo" de Manuel Campos.

Fotografías da gaita conservada de Ramón José Lavandeira Limeres, pai de José María Lavandeira Durán. Chegou a levala ao Brasil cando estivo emigrado.

Liña de sucesión

José María Lavandeira > Pura Lavandeira > Jose Luis Troitiño > Rubén Troitiño

Eduardo Troitiño Varela

Fragmento do programa Alalá nº 108 adicado á A. C. Os Abrentes de Cerdedo.

Data de emisión: 21 de abril do 2009 na Televisión de Galicia.

Eduardo Troitiño Varela naceu en Cavenca o 30 de outubro de 1927. Eduardo é sobriño dos músicos Antonio e Cesáreo Troitiño Beiro, irmáns do seu pai, tamén chamado Eduardo. Ademais, este músico é pai de Xosé Luís e avó de Rubén. Dende rapaz, a Eduardo gustáballe a música e sendo un cativo comezou a asistir as clases na academia de Xosé Benito, onde aprendeu a ler as partituras e a tocar o fliscorno, que aínda conserva en bastante bo estado.

Casou con Pura Lavandeira Fortes o 10 de marzo de 1955. Esta muller xa coñecía ben o ambiente musical de Cerdedo: era filla do baixista Xosé María Lavandeira e neta do grande mestre de músicos Ramón Lavandeira. Pura lembra que no inverno que estaba a piques de rematar cando eles se casaron, Eduardo aínda ía tocar coa banda. E no ano seguinte tamén, pero xa ningún ano máis, o que ven a confirmar que a derradeira actuación da banda de Cerdedo tivo lugar con case total seguridade no 1956.

Eduardo lembra moitas anécdotas acontecidas ao longo do tempo no que formou parte da agrupación dirixida por Xosé Benito. Por exemplo, a que sucedeu un ano que foran facer a festa do 15 de agosto no Pelete (A Lama). Alí somentes se desprazara a metade dos músicos, entre eles Eduardo, quedando o resto da formación en Cerdedo. E ao día seguinte a banda ao completo debía tocar na festa do San Roque, en Soutelo de Montes, que xa daquela era unha festa moi importante. Na madrugada do día 16 comezou a chover no Pelete e, segundo lembra Eduardo:

Nós paraugas non tiñamos, coche tampouco. Pero tiñamos que ir para Soutelo. O Melequiño, non sei como, se fixo cun carapucho e dixo: ‘Nada, eu xa estou preparado’. E outros foron conseguindo plásticos ou calquera cousa para irse tapando da chuvia. Daban as 12 no Seixido e a unha e pico era a misa en Soutelo. Nós arrincamos cara Soutelo: tira, tira, tira…monte, monte, monte…e chegamos a Soutelo á entrada da misa. Mandou carallo! Pero nós non nos podiamos presentar en ningún lado, mollados coma ibamos. E claro, había que secarse un pouco…pero o cura ía empezar a misa. Nós sempre cantabamos a misa: a de Lebordeses e máis a de Pío XII. Se moitas veces nós ibamos tocar algunha festa era pola misa, que Touqueira cantaba moi ben. E dixo Touqueira: ‘Nada, nada, aquí conforme estamos hai que ir para a misa’. O cura de Soutelo era D. Aquilino, ao vernos dixo: ‘Ben, non vos preocupedes. Vou retrasar a misa un pouco mentres vos ides secar’. Metémonos nunha casa, secámonos un pouquiño, cepillámonos un pouco e tal e cual. E cantámoslle a misa. Despois resulta que cando saímos da misa na procesión daba un sol! E dixemos: ‘Bueno, a roupa seca aquí, e ó carallo!’ Eso foi na capilla que había en Soutelo do San Roque. A Igrexa estaba na Magdalena.

Doutra volta, atopábase a banda de Xosé Benito tamén por terras do Concello de Forcarei. Concretamente, estaban a cantar unha misa na capela de Trasdomonte. De súpeto Eduardo, que era aínda un cativo desplomouse no chan. Así o lembra el:

Alí caín eu, con tanta vela que había ao lado do Cristo. Estabamos cantando a misa, e doume un mareo e caín.

Os compañeiros decidiron levalo ate a taberna, onde o deixaron quedar mentres eles voltaban a capela para seguir coa celebración. Coas atencións do taberneiro, Eduardo foi paseniño recuperándose. Pasado o susto, a xente contáballe que aquel taberneiro era un protestante. Pero daquela Eduardo non tiña aínda moi claro o que quería dicir aquilo de ser protestante, así que despois comentaba:

Ho! E dicían que era protestante, pero mira a min que ben me tratou!

Ao moverse de lugar en lugar e de vila en vila, os mozos e rapaces que integraban as bandas tomaban contacto con outras realidades diferentes das que ate o momento tiñan coñecido en Cerdedo. Algunhas novidades deixaríanos abraiados e lembraríanas para o resto das súas vidas. Tal foi o caso que lle sucedeu a Eduardo e aos seus compañeiros de actuación no lugar da Bouza (Beariz). Aquel día, invitáronos a tomar café nunha casa e a novidade descoñecida era a aparición do café soluble. Os anfitrións acomodaron aos músicos nunha mesa, onde puxeron taciñas de café cheos de auga quente e máis un tarro do azucre e marcharon. Véndose en tal situación, un dos músicos exclamou:

Ai Meu Deus, estes enghanáronse!

e todos os outros déronlle a razón. Pero de alí a pouco, a señora da casa apareceu con bote de Nescafé, e comezou a servilo coa culler, ante o asombro dos cerdedenses.

Na actualidade, Eduardo sigue en activo na música cerdedense formando parte do magnífico Coro Parroquial de Cerdedo, onde tamén aporta os seus coñecementos musicais tocando o órgano o noso amigo Xulio Durán.

*Texto: As bandas de música de Cerdedo (Autor: Manuel Campos Toimil)

Banda de Cerdedo dirixida por Manuel Monteagudo “Touqueira” (1953 ou 1954).

As Bandas de Música de Cerdedo - Manuel Campos Toimil

Bandada de Música Popular de Cerdedo dirixida por Xosé Benito García (1947 ou 1948).

As Bandas de Música de Cerdedo - Manuel Campos Toimil

O fliscorno que viviu a aparición dos salóns de baile

Falece o músico cerdedense Eduardo Troitiño Varela

10/11/2019 05:00 H

Este 9 de novembro deixounos Eduardo Troitiño Varela, músico cerdedense. Formou parte da banda de música dirixida por José Benito. Naceu no lugar de Cabenca (Concello de Cerdedo-Cotobade) o 30 de outubro de 1927. Eduardo é sobriño dos músicos Antonio e Cesáreo Troitiño Beiro, irmáns do seu pai, tamín chamado Eduardo. Ademáis, este músico é pai de Jose Luis Troitiño e avó de Rubén Troitiño, gaiteiros da Asociación Cultural Os Abrentes de Cerdedo, que lle dedica esta lembranza. Dende a súa infancia gustáballe a música e sendo un cativo, con 9 anos, comezou a asistir ás clases na academia de José Benito, onde aprendeu a ler as partituras e a tocar o fliscorno, que aínda conserva en bastante bo estado. O 10 de marzo do ano 1955 casa con Pura Lavandeira Fortes, filla do baixista José María Lavandeira e neta do mestre de músicos Ramón Lavandeira.

No libro As Bandas de Música de Cerdedo, do autor Manuel Campos Toimil, editado pola A. C. Os Abrentes de Cerdedo, no ano 2010, recóllense moitas das anécdotas do que era a vida do músico naqueles tempos. Como ben recolle este libro, os mozos e rapaces que integraban as bandas ao moverse de lugar en lugar e de vila en vila tomaban contacto con outras realidades diferentes das que ata o momento tiñan coñecido en Cerdedo.

Algunhas novidades deixaríanos abraiados e lembraríanas para o resto das súas vidas.

Eduardo Troitiño tivo unha pequena aparición no programa Alalá da Televisión de Galicia, no capítulo adicado á A. C. Os Abrentes de Cerdedo, falando un pouco de como era a vida musical nos lugares de Cerdedo despois da Guerra Civil, na que a figura do gaiteiro xa case estaba olvidada quedando as ruadas con pandeiretas. Anos despois, a historia foi cambiando, empezaron a abrirse os salóns de baile coas orquestras, bandas de música, etc.

No ano 2018 a actual Banda de Música de Cerdedo homenaxea aos músicos cerdedenses daquela época, entre os que se atoparon Julio Durán Sieiro, Nicolás García Fortes, José Antonio Varela Márquez, Ramón Ricoy Mosquera, Jaime Barros Gondariz, José Iglesias Lavandeira, Manuel Torres Beiro e Eduardo Troitiño Varela.

Liña de sucesión

Eduardo Troitiño > Jose Luis Troitiño > Rubén Troitiño

José Luis Troitiño Lavandeira

José Luis Troitiño Lavandeira (Cavenca 1956). Fillo de Pura Lavandeira e Eduardo Troitiño, sempre tivo moi presente a música na súa casa. Pese a iso non foi ata entrada na década dos seus 30 anos cando comezou no mundo da música tradicional da man de Evaristo G. Balbuena.

Membro fundador do grupo de gaitas Os Abrentes de Cerdedo polo ano 1994, aínda sigue en activo nesta agrupación de xa máis de vinte anos de traxectoria dentro da música tradicional na comarca de Terra de Montes, terra moi ligada á tradición musical.

Foi el quen recuperou a gaita do seu bisavó Ramón José Lavandeira Limeres. Ademáis diso, colaborou no libro “As bandas de música de Cerdedo” do autor Manuel Campos Toimil.

Liña de sucesión

Jose Luis Troitiño > Rubén Troitiño

Andresa Cachafeiro Viéitez

Andresa/Andrea Cachafeiro Viéitez era do lugar do Outeiro de Sanguñedo, preto de Soutelo de Montes, na parroquia de Santa María Magdalena pertencente ao concello de Forcarei, tocadora de pandeiro. Así o deixa recollido a prensa da época (El Progreso - 6 de maio de 1927):

Los populares gaiteros de Soutelo de Montes, y la tía Andrea de Outeiro, anciana de 90 años, tipo genuino de la raza celta y extraordinaria tocadora de pandeiro, cantadora y bailadora de los aires de la tierra, formarán también parte del programa.

Irmá de Juan Cachafeiro Viéitez, avó de Avelino Cachafeiro, o gaiteiro de Soutelo e dos seus irmáns Bautista e Victor Castor.

Liña de sucesión

Andresa Cachafeiro > María Barros > Cesareo Cendón > Alsira Cendón > Mª Asunción García > Rubén Troitiño

Julio Cendón Barros

Julio Cendón Barros (Sanguñedo 1913- Sanguñedo 21.10.1990), neto de Andresa Cachafeiro Viéitez.

Cando estalou a Guerra Civil tivo que incorporarse a filas para loitar polo bando republicano. Ao voltar a Galicia emigrou a Ponferrada onde traballou coma albanel para a empresa Minero Metalúrgica regresando a Sanguñedo polo ano 1954, nesa época, según contan os seus fillos, foi cando comenzou a tocar o acordeón amenizándolles as celebracións familiares afición que non deixou cando tivo que emigrar a Venezuela dándo fe as poucas fotografías que enviaba a sua familia.

Polo ano 1960 aproximadamente regresou a Sanguñedo onde viveu ata o día do seu pasamento.

Liña de sucesión

Julio Cendón > Alsira Cendón > Mª Asunción García > Rubén Troitiño